martes, 16 de noviembre de 2010

Todo cae, coma folerpas de vento, ou bágoas de neve.

Chega o outono á miña vida. É tempo de renovarse, de cambiar, de pisar as follas vellas, e se é facendo "crash" mellor aínda. Din que ao chegar unha nova etapa outonal tralas vacacións, toca apuntarse a algo, e facerse baleiras promesas que ninguén ha cumprir. Porque non abonda con estar convencido ao carón da almofada. Hai que avanzar sen escorregar, renovarse. É tempo de renovarse.

Aínda estou a cavilar a qué inscribirme. Ao autobús da esperanza, ao ximnasio de seguridade, ás clases de cante jondo. Ao circo da deshinibición. Ao tren da vida. Agora é cando quero que soen violíns de fondo. Un rumiar ao lonxe que me aconselle, que me diga ao ouvido qué facer, neste tempo de limiares e alfándegas.

O que está claro é que neste outono, han caer moitas follas. Dende as máis altas da carballeira, até as máis novas. E debe ser por iso que todos acabamos sendo esterco, ou porque quero que o vento me leve, que aínda teño medo tocar a miña sinfonía. Bo outono a todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...