
Hoxe mirando o debate da tarde da canle de PRISA, o seu condutor Jose María Calleja anunciaba, para o meu pasmo, que aquel que eu mesmo andaba a mirar ía ser o derradeiro debate, por mor do famoso peche.
Xa que logo, temos que admitir que é unhas das peores novas que poderíamos escoitar en canto á pluralidade informativa no Estado español. Un asasinato en toda a regra á democracia, e unha vítima máis da lei da oferta e da demanda. Mágoa que en moitas ocasións o mercado se equivoque.
Como compría agardar, os medios máis reaccionarios do panorama español non souberon como asimilar tal caramelo que se lles ofertaba. Tal e como recollía nas súas portadas (e sen desemular os seus fachendosos aires de vitoria) o diario Libertad Digital mofábase de Enric Sopena , quen recoñecía que co peche desta canle de noticias ininterrumpidas, "aos progresistas non nos queda nada". E non lle falta razón ao diretor do xornal El Plural.
Eu négome. Négome a relegar de xeito borreguil a ver pseudodebates de ultradereita onde a única discordancia prodúcese para levar ao extremo as reaccionarias posturas de calquer tertuliano. El Gato al Agua, de Intereconomía TV, e outros tantos nas canles de VEO7 e Canal 13, compiten por lavarnos a testa con ideoloxías decimonónicas, que dende agora non terán alternativa outra que Sálvame Deluxe, La ruleta de la suerte ou De buena ley. En fin, que nestes tempos que corren, a neutralidade é algo utópico, e irremediábelmente inalcanzábel. Pero o que non nos poden negar é a pluralidade política, a diversidade de opinións, sexan de esquerda, de dereita ou incluso de posturas extremistas.
O cese de emisión da canle de noticias, porén, non é a única má nova que se nos aveciña. O xornalista Iñaki Gabilondo, que até o de agora participaba activamente na canle informativa, anuncia a súa retirada. Pequena vitoria para o sector da caverna da ultradereita rancia e desaprensiva, que arestora celebra a nova como un paso cara adiante, cando en realidade e todo o contrario, un gran paso cara atrás.
E é que, como di Fernández Toxo, andamos a necesitar máis periodistas como Iñaki Gabilondo, e menos, moitos menos predicadores da fe divina. Que deus (con minúscula e entrecomiñado) nos colla confesados.