martes, 25 de enero de 2011

(Des?)propósitos para o presente.

A diferenza do ano pasado, este actual non fixen balance de todo o ano. Ou, mellor dito, non publiquei o balance de todo o ano. E todo por mor dunha enfermidade que me tivo deitado na cama unha semaniña, e a desgana que elo conlevou. Foi un ano largo, completiño diría eu, no que pasou de todo todiño. Máis adiante, se cadra, sí pendurarei esa despedida do 2010, un ano que por certo foi moi ben agás os seus derradeiros 15 días. Pero iso é xa palla doutro palleiro.

Así e todo, esa fame abstinente de facer propósitos, que dende agora poderíamos denominar co neoloxismo (des)propositing, non ha quedar impune. Velaiquí os meus propósitos até o verán de 2011. Algúns son pouco menos que inminentes, outros cecais utópicos, pero, ¿qué sería dunha lista de propósitos se cumplisemos todos?

  • Traballar este verán. Nas tendas de Don Amancio, ou nunha cafetaría de mala morte. Quero gañar os meus cartiños, sentirme orgulloso deles, e de paso ser un pouco máis independente económicamente.
  • Tirar o carnet de conducir. Que o faga antes ou despois dependerá de moitos factores, todos económicos. Se teño bolsa de estudos, se atopo traballo. Pero quero quitar isto de enriba xa.
  • Se ao finalizar o verán tiver os cartos dabondo, gustaríame mercar unha cámara reflex. Agora que sei fotografía quero poder aplicar os meus coñecementos á praxe, e quizais, por que non, quitar uns diñeiriños extra.
  • Ser (ou tentar ser) menos tímido. Non son o que era nin moito menos. Nunha escala de timidez (1) - extroversión (10) atópome no 5, pero son ambicioso, quero apuntar alto e ser un chisco máis caradura.
  • Ser máis eu mismo. Considero que teño a miña propia personalidade. Así e todo, heime propor ser máis firme nas miñas opinións, e picotear de aquí e alá para evolucionar como persoa.
  • Vestir mellor. Visto ben, que quede claro. Pero sempre se pode mellorar, non si?
  • Comer mellor e, como di Karlos Arguiñano, con fundamento. Abonda xa de merdas, pasta, arroz con polo, comidas precociñadas, ensaladas básicas, bocatas de atún e pizzas do bonpreu. Mañán fago lentellas, receita caseira.
  • Facer máis deporte. Xa levo unha boa xeira de ir á piscina, e cada vez nótome máis en forma. Agardemos manter a liña ascendente, ou ao menos que non decaia.
  • Ter máis confianza en min mesmo. Valorarme máis, non culparme sempre de todo o malo que me pase, ver a vida con máis optimismo, e decatarme dunha vez que nin todo é tan malo, nin ten por que permanecer así por sempre.
  • Levar os apuntamentos, as clases, os seminarios e as practicas ao día. Cada día facer un pouquiño, para polo menos aprobar todas en xuño. E se tiro un excelente, pois mellor que mellor.
  • Facer unha viaxe: London, Bruxelles, Crakovia, Dublin, ou Villajoyosa del Camino, tanto ten.


Voilá os meus (des)propósitos. Seguro que algún escápaseme. Tamén de seguro non cumplirei nin a metade. Permítense apostas de cantos son cumpridos.


Un biquiño, e ide pola sombra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...