
Hai uns días tiven constancia
dunha a priori boa iniciativa do Instituto Cervantes. Esta consistía en votar e propor na rede, concretamente na páxina de dito ente, unha serie de palabras do idioma castelán, como unha das moitas iniciativas para celebrar o
día do español. Logo de proceder a unha serie de votacións, na que calquer internauta podía participar, estableceríase un
ranking coas palabras máis votadas polos usuarios da internet, e esa mesma palabra
tería que ser defendida no denominado Día E polo rei Juan Carlos. Ademais, serían organizados actos por todo o Estado co rei defendendo esta palabra.
A nova vén cando unha das palabras propostas foi a palabra República. Habería de ser moi gracioso que o fose a propia antítese da República quen tiver que defendela, quen tiver que defender algo que vai contra a súa esencia.
Pois ben, resulta que esa palabra está entre as máis votadas. A última constancia do ranking foi que dita palabra atopábase na segunda posición a uns mil votos da primeira. Digo atopábase porque a páxina web foi censurada. Dende hai varios días, a palabra República pasou a converterse nunha das palabras máis votadas nun tempo récord e cun crecemento exponencial que, sen dúbida algunha, levaría á converter na palabra gañadora. Ao se decataren do auxe da palabra e das posibles consecuencias diso, o Instituto Cervantes decidiu suspender temporalmente as votacións na súa web por mor duns "problemas internos". O que vén querendo dicir que pretenden suspender ou amañar a votación para que non gañe a palabra que debería gañar, e aforrarlle pasar un mal rato ao rei.
Como opinión persoal hei dicir que paréceme vergoñento totalmente. Cando se propoñen iniciativas deste tipo, hase de ter constancia das posibles consecuencias e por tanto ser consecuente. Este mesmo sistema de votacións, por exemplo, foi o que levou a Chikilicuatre a Eurovisión. Fíxose entón tongo? Non. É por iso que o Instituto Cervantes, unha vez máis, gáñase o total descrédito.